jueves, 24 de mayo de 2007

Seminario A inmigración e as súas causas

Os próximos días 20, 21, 22 e 23 de Xuño en Salamanca a Fundación Sistema organiza un encontro que leva por título "La inmigración y sus causas". Os temas que se abordarán son os seguientes: a relación entre pobreza e subdesenvolvemento e o aumento dos procesos migratorios, as tendencias migratorias no século XXI, a relación entre migración e cooperación ó desenvolvemento, e as políticas migratorias e a integración.
Nestas xornadas ademáis da esaxerada presencia de políticos socialistas de renome (Alfonso Guerra, Jesús Caldera, Consuelo Rumí, Leire Pajín, María Teresa Fernández de la Vega, etc.), podemos escoitar a Joseph E. Stiglitz (Premio Nóbel de Economía), James K. Galbraith (Catedrático de Economía da Universidade de Texas), Douglas S. Massey (Catedrático de Sociología y Asuntos Públicos, Universidad de Princeton) ou ó propio Sami Naïr (Catedrático de Ciencia Política na Universidade de París VIII). Podes consultar o programa ou incribirte nas xornadas na páxina web da Fundación. Unha mágoa que haxa tanta sobrecarga de políticos en detrimento de académicos, aínda que os que toman as decisións sexan os primeiros.

domingo, 20 de mayo de 2007

sábado, 19 de mayo de 2007

Ciudadano Inmigrante

Onte, na Casa de León na Coruña, proxectaron o documental dirixido por Chus Dominguez: "Ciudadano Inmigrante" (2006). Alí nos congregamos leoneses de vello (hoxe coruñeses anejos) e galegos/as casadas con leoneses na súa meirande parte por riba dos sesenta e cinco e máis, e dando unha nota discordante dous rapaciños ingleses, tres colombianos e un par de sociólogos.
O documental foi rodado na oficina da CIG-Migración en Santiago de Compostela en tres anos distintos 2002, 2003 e 2005. O film rodouse nunha oficina pola que pasan persoas inmigradas que chegan a Galicia e que buscan en moitos casos regularizar a súa situación legal.
O asesoramento corre a cargo de Laura Bugallo, a cal é o fio conductor da trama, e que fai un excelente papel (real e fílmico). Esa frase reiterada de Laura ó longo da cinta é xenial: "A cousa está complicada, véxocho difícil, corazón".
A cinta permítenos ver a evolución migratoria que seguiu Galicia: no ano 2002 e 2003 son maioritarios os descendentes de galegas/os que chegan (fillos ou netos) maioritariamente de orixe arxentina (tamén é certo que a CIG tende a traballar en gran medida con descendentes de galegos/as e que nisto tamén pode haber un sesgo); pero no ano 2005 (ano de regularización) comezan a aparecer romaneses, colombianas, brasileiras, eslovacos, etc. Nun nomento da cinta Laura pregúntalle resignada a unha colombiana: "Por casualidade non terás un ancestro galego". Evidentemente, a colombiana non tiña na súa árbore xenealóxica ningún antepasado galego/a.
O documental intenta transmitir a situación de angustía que viven algúns inmigrantes que chegan a Galicia e que tentan regularizar a súa situación, en definitiva, a búsqueda dun traballo e unha vida digna.
Despois da proxección houbo un debate entre director e público. A polémica estaba servida e os tópicos caeron a chuzos e cito algún dos que se proferiron naquela sala: "España es un coladero, aquí entran como moscas, esto no pasa en Francia, Alemania o Holanda", "Aquí no hay trabajo, esta gente viene a robar", "son unos delincuentes, más de la mitad de los robos los cometen extranjeros", etc. O argumento de contraste, tamén moi habitual, era que a emigración española era legal e que ían a traballar e despois voltaban.
Os que decidimos gardar silencio fomos os colombianos, os rapaciños ingleses e os migrólogos. A veces escoitándose apréndese moito!

jueves, 17 de mayo de 2007

Mixofobia


"A mixofobia é unha reacción previsible e xeneralizada ante a inconcebible, escalofriante e angustiosa variedade de tipos humanos e costumes que coexisten nas rúas das cidades contemporáneas...A tendencia a buscar unha comunidade de semellantes non só significa que se renuncia a alteridade do exterior, senón que un quere privarse da influencia recíproca, animada anque turbulenta que se da no interior (...) Posto que esqueceron ou non quixeron desenvolver as habilidades necesarias para vivir en medio da diversidade, non é de extrañar que a tais persoas lles horrorice cada vez máis a perspectiva de toparse cara a cara cos estranxeiros.Os estranxeiros tenden a parecer máis terroríficos canto máis lonxanos, descoñecidos e incomprensibles os vemos...Pode que a tendencia a buscar un territorio aillado e homoxéneo veña provocada pola mixofobia, pero a práctica da segregación territorial é o salvavidas e o alimento de dita mixofobia"
(Bauman: Confianza y temor en la ciudad. Vivir con extraños.Editorial Arcadia)

Bienvenido Mr. Kaita


O documental "Bienvenido Mr Kaita", con guión de Helena Medina e dirección de Albert Albacete, é un dos mellores testimonios sobre a relación entre inmigración africana en Europa e posibilidades de desenvolvemento do país africano. O filme conta a historia da familia gambiana Kaita, instalada en Barcelona, e que decide emprender unha viaxe a Gambia dez anos despois da súa partida. No mesmo amósasenos os efectos que provoca a emigración africana e os cambios que se producen nos poblados despois de décadas de emigración masiva a Europa: a situación de dpendencia das remesas familiares, unha sociedade sen esperanza, a obsesión pola emigración a Europa, etc. En definitiva, este é un documental rico e cheo de matices sobre o fenómeno migratorio. Non o perdas!

Presentación estudios sobre inmigración en Galicia

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Análise e Proxección veñen de presentar os resultados de dous estudios realizados en Galicia sobre a situación da inmigración nesta Comunidade Autónoma: por un lado, o estudio "Situación da Poboación Inmigrante na Comunidade Autónoma de Galicia" (2006, Sondaxe);e por outro lado, "Actitudes da Sociedade Galega cara á Inmigración" (2006). Podes descargar o powerpoint de presentación de ditos estudios na área de publicacións sobre inmigración en Galicia.

viernes, 4 de mayo de 2007