domingo, 24 de febrero de 2008

O xiro postal de Ousmane Sembène

A novela "O xiro postal" de Ousmane Sembène introdúcenos de cheo na sociedade senegalesa dos anos sesenta, e máis concretamente, é un excelente relato para analizar e medir os efectos da chegada de "remesas" dos emigrantes na poboación e nas relacións de veciñanza. Esta novela foi levada ó cine polo propio Sembène, autor doutras películas inesquecibles como Moolaadé (Sig. "protección").

Podemos ler en galego esta obra, grazas á inmenso traballo e labor de traducción que está realizando en Galicia a empresa Rinoceronte Editora. A continuación déixovos coa sinopse da novela:

"A chegada dun xiro postal altera a rutina dun barrio pobre do Dakar dos anos 60. Toda a veciñanza espera atopar neses cartos a saída a unha vida miserenta, chea
de débedas e privacións. A través das peripecias polas que pasa o protagonista para cobrar o xiro, Ousmane Sembène ofrécenos un retrato cruel pero lúcido do Senegal inmediatamente posterior á Independencia, no que se manteñen as estruturas sociais e económicas da época colonial.
Levado ao cine polo propio autor (Mandabi, 1968), O xiro postal denuncia a hipocrisía, a corrupción e o parasitismo dunha sociedade que, porén, ten nas súas mans a posibilidade de tentar cambiar.
Ousmane Sembène (1923-2007) figura entre os grandes nomes da literatura e o cine africano. Naceu en Senegal, loitou en Europa durante a II Guerra Mundial e posteriormente traballou en Francia como mecánico, estibador e albanel nos anos 50. Nesa época comezou a súa actividade política como militante comunista e publicou O estibador negro, a súa primeira novela. Interesouse polo cine coa intención de chegar a un público máis amplo, viaxou a Moscova para aprender dirección no Estudio Gorki, e despois de varias curtametraxes dirixiu en 1966 A negra de..., primeira longametraxe africana. Autor concienciado e comprometido, Ousmane Sembène concibe a súa obra literaria e cinematográfica como un instrumento didáctico útil para transmitir ao pobo africano unha mensaxe de loita e de esperanza."

II Certame Nacional de Relato Corto, Fotografía e Peza Teatral Breve: TRASPASANDO FRONTEIRAS

A Universidade de Almería, a través do Laboratorio de Antropoloxía Social e Cultural, fai pública a convocatoria do certame que leva por título: "Traspasando fronteiras. Segundo Certame Nacional de Relato Corto, Fotografía e Peza Teatral Breve".

O obxectivo da convocatoria é a construcción dun espazo de reflexión e creación, aberto e múltiple, sobre o fenómeno migratorio e a súa proxección na sociedade do século XXI. A literatura e a fotografía convertéronse en novos vehículos de expresión para desenrolar outros reflexos dunha realidade multicultural, que se vai transformando día a día, tanto nas sociedades de orixe coma nas de destino.
O prazo para presentar propostas remata o próximo 7 de Marzo de 2008. Para máis información podedes consultar a web.

lunes, 18 de febrero de 2008

Migracións na Galicia contemporánea

A editorial Sotelo Blanco acaba de editar o libro "Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual" que foi coordinado por Xosé Manuel Cid Fernández, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Raúl Soutelo Vázquez. O volume conta con dezaseis achegas diversas de académicos de prestixio internacional que vencellas os estudios da emigración galega a América e a Europa, coa recente chegada de inmigración a Galicia. Concretamente divídese en tres bloques: a) a emigración galega contemporánea no que participan Alexandre Vázquez, Blanca Martínez, Xosé M. Núñez Seixas, Raúl Soutelo, Liliana da Orden, X.C. Domínguez Alberte; b) muller e migracións: un estado da cuestión no que escriben M.X. Rodríguez Galdo, Laura Oso e María Villares, e Ubaldo Martínez Veiga; c) as migracións actuais: características e consecuencias demográficas e sociais, no que podemos ler as reflexións sobre estes temas de Diego López de Lera, Raquel Martínez, Buján, M. Reyes Fernández González, M.A. Santos Rego e M.Mar Moledo, Herminia Pernas, Begoña Castro e María Graciela Vázquez. En definitiva, un libro capaz de sintetizar pasado e presente migratorio e que pode achegarnos a dúas realidades que tenden pontes entre disciplinas coma son a historia e a socioloxía.