domingo, 24 de febrero de 2008

O xiro postal de Ousmane Sembène

A novela "O xiro postal" de Ousmane Sembène introdúcenos de cheo na sociedade senegalesa dos anos sesenta, e máis concretamente, é un excelente relato para analizar e medir os efectos da chegada de "remesas" dos emigrantes na poboación e nas relacións de veciñanza. Esta novela foi levada ó cine polo propio Sembène, autor doutras películas inesquecibles como Moolaadé (Sig. "protección").

Podemos ler en galego esta obra, grazas á inmenso traballo e labor de traducción que está realizando en Galicia a empresa Rinoceronte Editora. A continuación déixovos coa sinopse da novela:

"A chegada dun xiro postal altera a rutina dun barrio pobre do Dakar dos anos 60. Toda a veciñanza espera atopar neses cartos a saída a unha vida miserenta, chea
de débedas e privacións. A través das peripecias polas que pasa o protagonista para cobrar o xiro, Ousmane Sembène ofrécenos un retrato cruel pero lúcido do Senegal inmediatamente posterior á Independencia, no que se manteñen as estruturas sociais e económicas da época colonial.
Levado ao cine polo propio autor (Mandabi, 1968), O xiro postal denuncia a hipocrisía, a corrupción e o parasitismo dunha sociedade que, porén, ten nas súas mans a posibilidade de tentar cambiar.
Ousmane Sembène (1923-2007) figura entre os grandes nomes da literatura e o cine africano. Naceu en Senegal, loitou en Europa durante a II Guerra Mundial e posteriormente traballou en Francia como mecánico, estibador e albanel nos anos 50. Nesa época comezou a súa actividade política como militante comunista e publicou O estibador negro, a súa primeira novela. Interesouse polo cine coa intención de chegar a un público máis amplo, viaxou a Moscova para aprender dirección no Estudio Gorki, e despois de varias curtametraxes dirixiu en 1966 A negra de..., primeira longametraxe africana. Autor concienciado e comprometido, Ousmane Sembène concibe a súa obra literaria e cinematográfica como un instrumento didáctico útil para transmitir ao pobo africano unha mensaxe de loita e de esperanza."

3 comentarios:

Rosalía dijo...

Incluireino no meu seguinte pedido a Biblos; graciñas!!

xa botaba eu de menos novas entradas!

Chiru dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Chiru dijo...

Ai, que se me suprimiu a entrada,..

que ben, eu tamén terei que conseguir este libro; Belén, menos mal que te entereas destas xoias, ...